Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta mostra o seu apoio ao proxecto de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) como modelo de vertebración do sector en Galicia



Alberto Núñez Feijóo reuniuse cos presidentes de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, as firmas que integran a iniciativa empresarial, para coñecer os pasos a dar neste proceso de integración

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros do Medio Rural e de Economía, Emprego e Industria, Ángeles Vázquez e Francisco Conde, respectivamente, mantiveron un encontro cos representantes das tres cooperativas galegas que decidiron unirse para crear un gran grupo lácteo na comunidade: Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños. Os responsables deste proxecto empresarial, que levará o nome de Clun (Cooperativas Lácteas Unidas), explicaron ao titular do Goberno galego os seguintes pasos a dar neste proceso, xa iniciado o pasado mes de outubro, e que pretende defender os intereses do sector.

Segundo explicou o portavoz de Clun, José Ángel Blanco, os prazos pasan por asinar a escritura de constitución en decembro para comezar a operar xa como unha única empresa o 1 de xaneiro. Actualmente, estase traballando no proceso de desenvolvemento daqueles servizos e marcas comerciais dos que xa dispoñen as tres cooperativas, pero Blanco sinalou que non descartan, a medida que vaian crecendo, desenvolver novos proxectos comerciais.

Este non é o primeiro encontro que o presidente da Xunta mantén coas tres cooperativas, pero nesta ocasión tivo carácter público para mostrar o apoio do Goberno galego con esta iniciativa “xurdida dende as bases”. “Este traballo non parte dunha administración, senón que foron os gandeiros os que decidiron unirse para ser máis competitivos e expandir esa fortaleza de Galicia no resto de España”, sinalou Ángeles Vázquez, e lembrou que os presidentes das cooperativas son tamén gandeiros.

A conselleira do Medio Rural resaltou ante os medios a “sensatez” coa que comezou esta unión, con estudos económicos e de mercado previos e unha preparación que durou dous anos. “Non deron o paso ata ter garantías”, sinalou Vázquez.

Esta unión implica a 3.500 gandeiros que producen 300 millóns de litros de leite ao ano, o que supón xestionar o 15% do negocio lácteo galego. A facturación calcúlase que chegará aos 181 millóns de euros ao ano. O peso que terá o grupo permitirá ofrecer os mellores servizos a mellor prezo. “Non só é importante o prezo que se percibe polo leite, senón tamén canto costa facer ese produto”, sinalou a titular de Medio Rural e, neste sentido, lembrou que esta fusión implicará unha rebaixa dos custes de produción. Ángeles Vázquez mostrouse convencida de que “este é o comezo dun novo futuro que pasa pola vertebración do sector”.